Como me metín nesta lea das plantas silvestres comestibles, e como apesares de que a maioría da xente que coñezo afirma que nunca consumiron plantas silvestres, afondando máis na conversa sempre acaba xurdindo algunha experiencia ou algún coñecemento case esquecido.
A miña
curiosidade polas plantas silvestres, con utilidade en alimentación ou
propiedades medicinais, comezou cando era nena e veume de importación. En concreto alá por mediados dos oitenta.
Veraneaban por aquel entón, unhas mozas alemás, nunha casa vella e enorme, que
está aínda fronte á casa dos meus pais. A primeira vez chegaron de casualidade,
como turistas de mochila e volveron durante varios anos a pasar o verán por
estes lares.
Os
veciños rapidamente decidiron que eran "hippies desas”, que por aquel entón
viña sendo algo entre o excéntrico e o escandaloso. Co cal resultaban máis
interesantes aínda do que xa o eran por seren estranxeiras.
Pois
ben, adicábanse estas mozas a recoller plantas silvestres e iso as facía aínda
máis hippies, e dáballes aos nosos ollos de nenos un aire de meigas que
espertaba máis, se era posible, a nosa curiosidade. Foi delas das que escoitei
que en Alemaña utilizaban as flores de sabugueiro para facer xarope e tamén as
tomaban fritas nunha masa como a das chulas que preparamos aquí. Ademais de
falarnos de todas as súas propiedades medicinais. Uns anos máis tarde, unha
prima do meu pai emigrada en Alemaña e o seu home alemán nos contaron que nese
país era típico saír ao campo coa familia e recoller plantas, cogumelos, bagas, etc.
E tamén mo confirmou despois, unha compañeira de traballo que viña de Dresden,
unha rexión de Alemaña do outro lado do muro nos oitenta, e que recordaba como
os fins de semana, saía ao campo cos seus pais a recoller cogumelos.
Ata
fai ben poucos anos por esta zona case ninguén recoñecía os cogumelos comestibles,
os únicos que se atrevían a recollelos, que eu coñeza, eran uns veciños que
teño que estiveron emigrados en Perpiñán. Recollían cogumelos, sabían como preparar
os caracois para comelos, e entre outras “herbas” téñoos visto recoller os
gomos novos do rusco, que disque preparan como os espárragos. Vamos, que saben
cociñar varias desas cousas que aquí non se comían nin nos anos da fame.
Cando
souben o do sabugueiro ou bieiteiro, empecei a investigar un pouco e pasei de
coller libros de animais na biblioteca do colexio, a coller libros de plantas,
pero todos falaban das propiedades medicinais e moi pouco dos usos como
alimento. O mesmo me pasaba cando lle preguntaba á miña avoa, que sabía dun
monte de remedios con plantas pero de comelas nada.
Descubrín
nos libros que a flor da capuchina, que crece preto da casa se come, así que
lla fixen probar a todos os meus amigos, sen moito éxito. Na miña casa, onde son
bastante abertos de miras nos temas alimentarios conseguín tamén que llas engadiran
a algunha que outra ensalada. Pero non fun máis aló por medo a parecer “friki” (e
porque todos me dician que era unha tolada).
Anos
máis tarde, dando clase ocorréuseme investigar sobre o uso do cardo para callar
o leite nalgúns queixos enzimáticos. E ensinando en panadaría busquei información
sobre o uso da fariña de landras na elaboración de pan. Descubrín entón que en
moitas rexións de España tamén hai xente que sae a recoller algunhas especies
concretas de plantas, que están moi arraigadas na súa gastronomía popular como
os espárragos (non so do espárrago trigueiro senón tamén das especies Tamus communis
(nouza negra) e Bryonia
dioica (nouza), dúas especies que curiosamente están incluídas na ORDE
SCO/190/2004, do 28 de xaneiro, pola que se establece a lista de plantas
cuxa venda ao público queda prohibida ou restrinxida por razón da súa
toxicidade). Tamén é habitual en algunhas rexións a recollida de brotes de
lúpulo e nalgúns puntos da serra madrileña colléitanse os brotes de Ornithogalum
pyrenaicum para usar tamén como espárragos.
Ademais outras especies como a muruxa ou o cardillo son moi apreciadas
en diferentes lugares de España.
Mexacán |
Pero
na posguerra, no ano da fame, se consumiron moitas especies máis. A falta de
alimentos levou ás xentes que viviron a guerra civil e os anos de posguerra a
atopar en montes e cunetas algo que levar á boca. Todo valía, ortigas, mexacáns,
flores... E agora, paradoxalmente, atopámolos nos pratos dos restaurantes de
alta cociña.
Sen
embargo, cando preguntei aos máis maiores da miña contorna, ninguén recorda ter
consumido plantas silvestres. É máis, cando lles falaba dalgunha novidade
alimenticia como os ourizos de mar, as algas, algunhas plantas comestibles e
mesmo os cogumelos, a frase máis repetida era “saca de aí, que iso non o comíamos
nin nos anos da fame”, logo cando o probaban ou vían que estaba no mercado
dicían “bueno, porque non se sabía como comelos, entón non os comíamos”. Oín
estas mesmas frases na boca de distintas persoas unha e outra vez. E digo eu,
¡tanta fame non pasaban nesta comarca logo! Porque tiñan a man moitos recursos
que nin se lles dou por probar.
Como
moito, conseguín saber que a miña bisavoa, engadía na masa dos bolos do pote
como condimento, unha herba que se chamaba nébeda, que miña nai xa non utiliza (aínda que este
entroido pola miña insistencia volveu a botarllas).
Bolo do pote |
Sorprendinme
ao facer unha busca en google sobre esta planta en concreto, pensando non
atopar nada, atopei ¡159.000 resultados! Entre eles distintos blogues onde
falaban do seu uso nos bolos do pote, nas castañas cocidas, nas filloas de
sangue e ata nas sardiñas guisadas (case todos eles en castelán). Pero o uso
redúcese a un mero condimento. Este uso xunto co uso medicinal si que son máis
habituais e coñecidos para varias plantas silvestres.
Todo
isto, fainos pensar na cantidade de recursos que temos sen explotar ao noso
redor, e seguindo co traballo realizado o pasado ano sobre as algas, este ano
pensamos que sería boa idea estudar un pouco as plantas silvestres que
poderíamos comer e non comemos.
Buscamos
novos produtos que introducir no mercado alimentario. Obter información sobre
as especies que se recollían no pasado ou aínda se recollen, nomes populares,
hábitat onde se desenvolven, época de recolección, técnicas de extracción,
partes da planta aproveitadas e preparación para o seu consumo.
Ademais
esta é unha investigación de urxencia, xa que as persoas que acumularon este
tipo de saberes van desaparecendo sen transmitilos.
Aproveitamos
tamén para facer un pouco máis visible o galego na rede, porque, aínda que cada
vez hai máis bitácoras en galego, a maioría dos galegos que escriben un blog o
fan en castelán. Ademais, no tema concreto das plantas comestibles hai algunhas
bitácoras en castelán pero gran maioría están en inglés.
Editado: o mesmo día da publicación deste post, pola tarde pasoume algo que despois de escribir esta entrada me fixo aínda máis gracia da habitual. Estaba recollendo brotes de fieito aquí ao lado e pasou unha veciña, como veu que me agochaba e recollía algo, e ademais levaba unha cesta (porque agora miña nai se dedica a facer cestos, moi chulos por certo). O caso é que normalmente levo unha bolsa para que non me anden preguntando, pero o que recollo queda todo engarameñado. E sempre me pasa, que en canto me ve alguén recollendo algo ou coa cámara de fotos, me pregunta. Aínda que ultimamente fixeime en que cando me preguntan sempre acaban contándome algo interesante, así que xa non me importa. E agora levo unha cesta.
Pois a boa muller preguntoume que estaba collendo e eu conteillo e a súa resposta sonaravos un pouco a unha frase de máis arriba pero nunha nova versión: "¡Ai oh, e houbo guerra e non se comeron!...¡dende logo agora cómese de todo!"
Editado: o mesmo día da publicación deste post, pola tarde pasoume algo que despois de escribir esta entrada me fixo aínda máis gracia da habitual. Estaba recollendo brotes de fieito aquí ao lado e pasou unha veciña, como veu que me agochaba e recollía algo, e ademais levaba unha cesta (porque agora miña nai se dedica a facer cestos, moi chulos por certo). O caso é que normalmente levo unha bolsa para que non me anden preguntando, pero o que recollo queda todo engarameñado. E sempre me pasa, que en canto me ve alguén recollendo algo ou coa cámara de fotos, me pregunta. Aínda que ultimamente fixeime en que cando me preguntan sempre acaban contándome algo interesante, así que xa non me importa. E agora levo unha cesta.
Pois a boa muller preguntoume que estaba collendo e eu conteillo e a súa resposta sonaravos un pouco a unha frase de máis arriba pero nunha nova versión: "¡Ai oh, e houbo guerra e non se comeron!...¡dende logo agora cómese de todo!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario